Tuesday 14 de May de 2024

Medio Ambiente pecha a rolda de consultas pola posta en marcha do Plan Reitor do Parque Natural das Fragas do Eume


Este documento conterá as necesidades de conservación e restauración cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, rematou esta semana unhas xuntanzas, que pretenderon coñecer a opinión dos colectivos e poder plasmala no Plan Reitor do Parque Natural Fragas do Eume, posto que o Goberno galego sempre tivo como obxectivo principal a colaboración, co fin de definir de xeito conxunto un documento que acadase o máximo consenso.

A última destas reunións tivo lugar esta mesma semana con distintos colectivos, entre eles con Santiago Vázquez, representante da Federación Ecoloxista Galega; con María Pita Balsa e Ángeles Pita Balsa, da Asociación de propietarios “Desarrollo y naturaleza”; e con Rodolfo Barreiro, profesor da Universidade da Coruña, todos eles representante na Xunta Consultiva.

Nesta última xuntanza abordaron a necesidade de estudar fórmulas que blinden e permitan compatibilizar a conservación no medio natural coas oportunidade económicas, sociais e culturais que ofrece esta zona de Galicia.

A directora xeral insistiu en que a Xunta de Galicia pretende potenciar esta área como destino turístico e preservar a súa riqueza natural, o que fai necesaria unha eficiente colaboración entre os distintos axentes da zona, co fin de aproveitar as potencialidades como destino cunha importante riqueza natural.

O Executivo autonómico, representado pola responsable de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, mantivo tamén reunións con membros da Asociación Euroeume, da Asociación de Empresarios de Turismo del Eume, da empresa Ocioatlántico e da Confederación de Empresarios de A Coruña.

Así mesmo, mantivo outras xuntanzas cos alcaldes que se integran neste parque e coas asociacións de veciños que viven na zona protexida e na súa contorna.

Obxectivos do Plan
O plan reitor será un documento que integre as necesidades de conservación e restauración cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio.

Nese sentido, determinase unha zonificación do territorio comprendido polo espazo natural, a partir da cal se definen as diferentes medidas de xestión que condicionen os usos, aproveitamentos e actuacións en cada unha delas; e unha regulación de usos e actividades, co fin de garantir os obxectivos de conservación da Rede Natura 2000.